Sorprenden un individuo roubando pezas do monumento homenaxe aos ciclistas falecidos
Por Oskar Viéitez
Axentes da Policía Nacional procederon á identificación dun individuo de orixe arxentina, veciño de Pontevedra e de 23 anos de idade, como presunto autor da subtracción das pezas dunha bicicleta.
Segundo informaron fontes oficiais da Comisaría de Pontevedra, os axentes que se atopaban de patrulla pola zona da avenida de Marín observaron a un individuo que se atopaba manipulando as bicicletas que constitúen o monumento homenaxe en recordo das vítimas na estrada que se atopa na autovía cara a Marín e que ao observar a presenza policial tratou de marchar do lugar.
Os axentes preguntáronlle que estaba a facer alí e o individuo contestou que estaba a coller unhas pezas das bicis que "estaban abandonadas".
Os axentes incautáronlle un desaparafusador, un xogo de chaves Allen, un alicate, unhas tesoiras, unha chave inglesa e unha ancoraxe de sillín cos correspondentes parafusos.
Os axentes trasladaron o mozo a dependencias policiais porque carecía dalgún tipo de documento que acreditase a súa identidade.