Localizan en Poio unha moto roubada en Bélxica e logo 'customizada'
Por Redacción
A Policía Local de Poio logrou recuperar unha moto que fora roubada en Bélxica e que un veciño de Sanxenxo conducía por Poio 'customizada'.
Segundo informou a Policía Local de Poio, os axentes facían funcións de vixilancia e control de tráfico na zona de Campelo cando detectaron unha motocicleta 'customizada' con matrícula belga conducida por un veciño de Sanxenxo. O vehículo presentaba unha modificación no cambio de marchas, pasando de ser no pedal a ser manual.
O condutor indicoulles aos axentes que el mesmo fixera esa modificación e os axentes fixeron as oportunas comprobacións. Averiguaron que o dono da motocicleta denunciara o seu roubo en Bélxica.
Os axentes de Poio interviron a motocicleta e a documentación e puxeron o vehículo a disposición do Xulgado de Garda. Ao condutor comunicáronlle que estaba a ser investigado por un presunto delito que aínda queda por acalrar.
A Policía Local destaca que resulta fundamental a formación dos axentes para detectar este tipo de casos e lembra que o pasado mes de xuño organizaron un curso para que se especializaran en materia de tráfico, permisos de conducir, documentación de vehículos, e condutores estranxeiros.
Este tipo de formación xa lles permitiu o pasado agosto detectar que un condutor usaba un permiso de conducir de fantasía de Nova York non válido para conducir en España.