A Policía Local de Poio detecta un permiso de conducir de fantasía a un condutor chegado de Nova York
Por Natalia Puga
A Policía Local de Poio detectou esta semana un condutor que utilizaba unha licencia de conducir de Nova York e a acompañaba dun permiso internacional que se comprobou que era "de fantasía", non válido para circular por España. O home foi denunciado pola vía administrativa e os policías de Poio puxeron os feitos en coñecemento da Xefatura Provincial de Tráfico para que tramite a sanción correspondente.
Segundo informou a Policía Local de Poio, o home foi detectado o luns 14 de agosto por axentes que estaban a realizar tarefas de control de tráfico.
Pararon un condutor, requeríronlle a documentación e entregoulles os dous documentos citados. O permiso de conducir de Nova York era orixinal, pero non válido para conducir en España. O permiso internacional, que é o esixido para poder circular polo territorio español, xeroulle dúbidas, de modo que o estudaron en profundidade e detectaron a irregularidade.
Feitas as xestións pertinentes, a Policía Local averiguou que se trata dun permiso de fantasía que non é válido para circular polo territorio nacional. Comunicóuselle a situación ao condutor en cuestión e foi denunciado.
Os axentes detectaron esta irregularidade grazas á formación adquirida a través dun curso sobre actualización en materia de tráfico, permisos de conducir, documentación de vehículos e condutores estranxeiros realizado o pasado mes de xuño.
Este tipo de formación resulta fundamental para atender as situacións coas que se atopan no verán, tendo en conta que aumentan considerablemente os vehículos e condutores estranxeiros. Os axentes especializáronse en detectar permisos que non son válidos para circular e esta semana viñéronlle moi ben os coñecementos.