O propietario do cuartel de Noalla preséntase en urbanismo e comprométese a realizar a derriba do edificio
Por Redacción
O culebrón da derriba do cuartel da garda civil de Noalla achégase ao seu fin. Hai 15 días a concellería de urbanismo notificou ao propietario do inmoble, Xunqueiriña S.L, un requirimento para a execución da demolición do cuartel, advertíndolle que de non levar a cabo os traballos de derriba, acometeríaos o Concello e posteriormente cobraríalle o seu custo.
O propietario acudiu ao Concello o venres da semana pasada e comunicoulle persoalmente á concelleira de urbanismo a súa intención de levar a cabo dita demolición. De non cumprir a derriba, nun prazo dun mes, o Concello impoñeralle unha importante sanción económica.
Se finalmente urbanismo ten que sancionar ao propietario por ignorar o requirimento, o proceso para a derriba do edificio será relativamente curto. Ao tratarse dunha demolición por un importe inferior aos 50.000 euros, a adxudicación consistiría en solicitar tres presupostos a diferentes empresas e unha vez que os teña o Concello, adxudicará a obra ao que considere mellor.
Neste momento, urbanismo xa conta con dous orzamentos que ascenden ás cantidades de 17.300 e 20.400 euros. O primeiro non inclúe a retirada da pedra da parcela unha vez demolido o edificio mentres que o segundo si.
En todo caso, e como a demolición debe correr a cargo do propietario do inmoble, de ser o Concello o que execute a derriba viraráselle a liquidación do importe ao interesado para o seu abono.