A piqueta chega ao cuartel de Noalla
Por Redacción
Doce anos despois de que o Concello de Sanxenxo iniciase o expediente para demoler o vello cuartel da Garda Civil en Noalla, esta semana farase efectivo.
Ao longo deste martes realizáronse os traballos previos á derriba e nos próximos días executaranse estas obras.
Ante a súa deterioración, o goberno municipal enviou o pasado mes de outubro un requirimento ao seu propietario, advertíndolle que se non o demolía sería o Concello quen acometería eses traballos con cargo a el.
O goberno xa dispoñía de dous orzamentos, que ascendían ás cantidades de 17.300 e 20.400 euros. O primeiro non incluía a retirada da pedra da parcela unha vez demolido o edificio mentres que o segundo si.
Pero días despois o dono, segundo lembra o Concello, acudiu ao departamento de Urbanismo, para comunicar a súa intención de executar a derriba.
Unha das razóns polas que o cuartel non foi derruido ata a data ten que ver cunha solicitude por parte do propietario do inmoble á Consellería de Cultura, para catalogar as ruínas como Ben de Interese Cultural (BIC). Pero a Xunta de Galicia descartou esta posibilidade.