A APDR cre que a continuidade de Elnosa está afectada pola negativa de prórroga á planta de Solvay en Torrelavega
Por Oskar Viéitez
A Asociación pola defensa da Ría de Pontevedra (APDR) fíxose eco da decisión que o pasado 26 de setembro adoptou o goberno de Cantabria denegando a prórroga solicitada pola cloreira Solvay en Torrelavega para adaptar a empresa á nova tecnoloxía libre de mercurio, "unha prórroga que, desde o primeiro momento, o goberno cántabro tiña decidido conceder", apuntan.
Solvay pretendía manter a produción de cloro con mercurio durante o tempo de transformación tecnolóxica necesario para substituír a obsoleta tecnoloxía baseada no uso deste metal pesado pola de membranas, unha situación que a Unión Europea prohibe de forma clara e definitiva.
Contrariamente ao anunciado no seu día polo goberno de Cantabria, Solvay terá que paralizar a produción de cloro a partir do día 11 de decembro se quere adaptar a planta ás esixencias medio ambientais da UE. A APDR sinala que no caso de Solvay "ponse en risco a posibilidade de venda da planta á multinacional CUF, dona de Elnosa, e -en certa medida- o propio plan de reconversión de Elnosa".
Defensa da Ría asegura que a firma CUF pretendía manter a produción de derivados do cloro en Lourizán a partir do cloro subministrado desde Torrelavega e a planta que posúen en Estarrexa, no norte de Portugal, "unha posibilidade que se vai ver impedida logo da decisión adoptada agora polo goberno de Cantabria" polo que se pregunta o colectivo ecoloxista "poderá Elnosa producir estes derivados só a partir do cloro enviado desde Portugal?"
"Canto cloro podería subministrar a planta portuguesa da CUF a Elnosa sen ver comprometida a produción para o mercado que cobre na actualidade? ", continúa a APDR nun comunicado.
A APDR conclúe que "a cidadanía da comarca de Pontevedra estaría exposta aos perigos que supón a circulación de numerosas cisternas de cloro polas nosas estradas, un perigo que a Xunta de Galicia debería ter en conta e que, por si mesmo, debería levar ao goberno galego a non permitir a produción de derivados de cloro en Lourizán e a denegar a nova Autorización Ambiental Integrada a Elnosa".
Relacionadas:
-
O persoal de Elnosa amosa na rúa as cuestións políticas relacionadas coa súa continuidade
Por Anxo Lourido |
-
A Xunta prevé traballar "en paralelo" con Costas para que Elnosa siga na ría
Por Alejandro Espiño |
-
Moreira critica que os pontevedreses teñan que pagar "os preitos caprichosos de Lores contra Elnosa"
Por Oskar Viéitez |
-
Elnosa fai investimentos en Lourizán para fabricar hipoclorito sódico a partir do 11 de decembro
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Moreira pide á Xunta que permita a Elnosa garantir os investimentos previstos na súa fábrica de Lourizán
Por Redacción |