Un acusado preséntase bébedo nun xuízo e, cun acompañante, increpa á prensa
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Unha das salas de vistas da Audiencia Provincial de Pontevedra viviu este xoves unha escena sen precedentes. Un home acusado de dar unha malleira a outro ás portas dunha discoteca da cidade presentouse no xuízo moi alterado e bébedo e tanto el como outra persoa do público que o acompañaba increparon aos fotógrafos que cubrían a sesión con berros de "hijos de puta" ou "sinvergüenzas" e recrimináronlles que fixesen o seu traballo.
O xuízo estaba previsto para as 10.15 horas deste xoves na Sección Segunda da Audiencia contra este acusado, Francisco P.V., e outro pontevedrés, G.P.M.. El presentouse moi alterado, de modo que o tribunal que ía xulgalo decidiu solicitar a presenza dun forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) para que certificase se estaba en condicións de ser xulgado.
Finalmente, pasadas as 11.00 horas, un forense determinou que estaba en estado de embriaguez e non reunía as condicións para prestar declaración, de modo que se celebrou unha pequena vista que, como é habitual, é pública e permite a presenza da prensa. Nese momento, entraron na sala redactores e fotógrafos de varios medios de comunicación da cidade.
O secretario xudicial leu o ditame médico e todas as partes que participan na causa pediron ao tribunal que o xuízo non se celebrase. Nese momento, os dous acusados decatáronse da presenza dos fotógrafos. G.P.M. mostrou a súa desconformidade en voz alta asegurando "me cago en su puta madre" e Francisco P.V., nun primeiro momento, tan só referiuse á conclusión médica sinalando que tamén estaban borrachos o día da malleira.
Os ánimos fóronse caldeando e o presidente do tribunal, Xosé Xoán Barreiro Prado, acabou pedindo aos policías nacionais que custodiaban a G.P.M. -porque está a cumprir condena en prisión- que o sacasen da sala. Seguiu inicialmente Francisco P.V., pero empezou a reprochar aos fotógrafos que fixesen fotos e a mostrarse cada vez máis alterado, de modo que tamén el foi expulsado porque estaba a impedir o correcto desenvolvemento da sesión.
Mentres tanto, un home que se atopaba entre o público dirixiuse aos reporteiros gráficos chamándolles, entre outras cousas, "hijos de puta" ou "sinvergüenzas". Chegou a achegarse a apenas uns centímetros da fotógrafa de PontevedraViva e a levantarlle a man e, cando xa lle pediron que abandonase a sala e empezou a irse, regresou gritando "quitadle las fotos al moro de mierda", en alusión á vítima desta causa, un home de orixe marroquí ao que os dous acusados presuntamente agrediron ás portas dunha discoteca de Benito Corbal.
O xuízo quedou aprazado para o vindeiro martes 10 de outubro ás 10.00 horas.
Relacionadas:
-
Ano e medio de cárcere a dous acusados dunha malleira ás portas dunha discoteca de Benito Corbal
Por Natalia Puga |
-
Dous acusados dunha malleira no exterior dun pub alegan defensa propia: "Yo protegí mi vida, que me mataba"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Enfróntanse a tres anos e medio de prisión por dar unha malleira un home no exterior dunha discoteca de Benito Corbal
Por Redacción |