A Deputación financiará a mellora de estradas en Avecil, Caritel, Insua, Santa Comba e Tourón
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou un novo investimento para a vila de Ponte Caldelas ao abeiro do Plan Concellos 2017. Con esta nova achega, este concello poderá facer fronte ás obras de mellora en diversos viarios municipais, situados nos seguintes núcleos de poboación: Avecil, Caritel, Insua, o acceso a Santa Comba e Tourón.
O valor desta nova achega sitúase nun total de 122.869,11 euros.
Anteriormente a institución provincial xa destinara a Ponte Caldelas outros 186.044,47 euros con destino ao financiamento da adquisición dun vehículo turismo, para a instalación dunha cuberta sobre a pista de pádel e a pista de patinaxe do complexo deportivo de Chan da Barcia, para o subministro de equipamento deportivo, para investimentos en equipos de proceso da información e en mobiliario, para realizar un inventario municipal, para remodelar o palco da festa do lugar de Regodobargo, para a adquisición de maquinaria e dun equipamento de son, para a rehabilitación dunha pasarela peonil, para realizar obras de acceso aos núcleos rurais do concello, para o subministro de marquesinas e para investir nunha cociña para o centro sociocultural de Chaín.
Ademais, outros 117.884,50 euros para a contratación de 11 persoas que desempeñarán as súas funcións nos diversos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de emprego do Plan.
Coa suma desta nova achega, Ponte Caldelas xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 81,4% do total do investimento que lle corresponde dentro do Plan Concellos 2017, isto é, 443.738,08 euros dun total de máis de 545.000 euros.