Unha senda peonil dun quilómetro mellora a seguridade viaria en Rebordelo
Por Redacción
O núcleo rural de Rebordelo, en Ponte Caldelas, conta cunha nova senda peonil de preto dun quilómetro de lonxitude. Supón un carril 1,25 metros de ancho pintado en cor vermella e con liñas brancas de separación.
Segundo informou o Concello de Ponte Caldelas a través dun comunicado, a actuación quedou rematada en días pasados e supón un importante cambio na fisonomía deste enclave situado na estrada provincial que conduce a Barbudo e ao encoro das Eiras.
A obra responde a unha petición formulada polos veciños, que se queixaban do perigo da recta que atravesa o pobo e da inexistencia dunha beiravía que garantise unha mínima seguridade viaria.
O alcalde, Andrés Díaz, visitou a zona e comprobou o resultado das obras, que consistiron nun asfaltado para ampliar a sección da estrada provincial. Tamén indicou que esa recta funciona case como a rúa central de Rebordelo, pois une o núcleo do lugar coas vivendas situadas na parte baixa e tamén vertebra ás que se espallan ao longo da propia estrada.
Andrés Diaz lembra tamén que o Concello asfaltou semanas atrás un dos accesos ás vivendas da parte baixa de Rebordelo, que se atopaba en pésimas condicións.
Segundo adiantou, nos plans do goberno local figura a dotación de novas sendas peonís en diversos núcleos do municipio, ao entender que este tipo de obras contribúen, ao mesmo tempo, á seguridade viaria e á dinamización social. Aproveitou para recalcar que o Concello con fondos propios non pode acometer todas as obras e precisa do apoio institucional da Deputación Provincial e da Xunta de Galicia.