Ponte Caldelas leva ata o Comisionado de Transparencia a súa denuncia de caciquismo contra a Xunta
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas vén de presentar unha queixa formal diante do Comisionado de Transparencia, órgano presidido pola Valedora do Pobo, e que está encargado de vixiar o cumprimento da Lei 1/2016 de Transparencia e Bo Goberno de Galicia e a lexislación relacionada.
A queixa se centra nas últimas actuacións da Consellería de Medio Rural entregando motobombas forestais "a dedo" e agora tamén vehículos desbrozadores, "todo elo despois de ter asinado, polo mesmo procedemento, subvencións directas para a mellora de camiños municipais, todo elo sen publicidade", di o goberno local nun comunicado.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, considera un "auténtico escándalo democrático" que a Xunta de Galicia asine convenios por valor de 7 millóns de euros con Cerdedo-Cotobade mentres non asina ningún con Ponte Caldelas, "cando falamos de concellos limítrofes e dunha poboación case igual". "Simplemente nun goberna o PP e no outro non", conclúe. "Parece que temos que resignarnos a que o PP, cando goberna é así, pero nós pensamos que é un erro e seguiremos denunciándoo".
O Goberno Local lamenta que para que a Xunta de Galicia asuma as súas competencias exclusivas no arranxo da estrada autonómica PO-234 ou na ampliación do ximnasio e dotación de comedor no colexio da Reigosa, o Concello tense que ofrecer a pagar parte das expropiacións ou das obras. "E nin así", recalca o alcalde.
O Concello de Ponte Caldelas, que xa presentou recentemente unha queixa diante da Comisión Europea pola adxudicación "a dedo" de fondos europeos relacionados coa reparación de danos causados polos temporais, acode deste xeito por primeira vez diante da máxima institución encargada de velar polo cumprimento da lei en materia de Transparencia e Bo Goberno.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas denuncia a retirada de 300.000 euros dos orzamentos da reforma da PO-234
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas aproba por unanimidade pedir o cambio do mapa de emerxencias
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno local de Ponte Caldelas, disposto a asumir a construción do comedor escolar da Reigosa
Por Redacción |
-
Oito anos de abandono do "edificio pantasma" da Casa da Quintán
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas 'aforrará' cartos nas expropiacións da PO-234
Por Redacción |