O home que incendiou o piso onde convivía coa súa parella "sufre un importante deterioro cognitivo"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
No banco dos acusados da sección cuarta da Audiencia de Pontevedra sentou este martes David G.M., que recoñeceu provocar un incendio no inmoble onde convivía coa súa parella, da que tiña unha orde de afastamento. A noiva non compareceu ante o tribunal.
David está diagnosticado dun trastorno límite da personalidade, trastorno por dependencia a cocaína e consumo prexudicial de alcol, opiáceos e cannabis. Durante o xuízo o propio David repetiu en varias ocasións que el é un enfermo mental, un aspecto que certificaron as psicólogas forenses e a psiquiatra que lle tratou no penal da Lama. Ademais ten unha traxectoria de consumo abusivo de drogas desde os 16 anos.
"Sufre un importante deterioro cognitivo", dixeron as forenses ao explicar que David ten unha "merma importante de sus capacidades" o que lle impide controlar os seus impulsos.
O acusado, quebrantando unha orde de afastamento sobre a súa noiva, conviviu coa súa parella sentimental, Ana Belén Q.P., nun piso na zona vella de Vigo. Segundo explicou ante o tribunal, o día 1 de maio de 2015 despois de cobrar a pensión "como siempre yo iba a consumir cocaína y heroína". Aquel día, sobre a 00:45 horas prendeu lume á roupa na bañeira do domicilio da súa parella. Asegura que eran os zapatos dunha inquilina á que tiñan realquilada unha habitación e que lles debía a mensualidade, 150 euros. A inquilina tampouco compareceu no xuízo.
"Anabel me intentó frenar, pero yo le dije se la voy a quemar y se la quemé", relatou o acusado. Entón gritou "puta te estamos quemando los zapatos" e sostén que deixou á súa noiva vixiando o lume e que se ausentou da casa por espazo de media hora atopándose ao regresar cos veciños desaloxando varias plantas do edificio a causa do fume. David di que subiu ao piso, o 9ºA, e que foi el quen apagou as chamas coa mangueira da ducha.
Os bombeiros de Vigo ratificaron que ao chegar ao lugar do suceso a roupa estaba fumarenta na bañeira e só había un pequeno lume que "con un poco de agua se extinguió", segundo asegurou o xefe de servizo. "Fueron diez minutos de intervención".
O fume "negro, denso y tóxico" danou o resto das estancias do piso sen afectar ao isto de vivendas do edificio.
EXIMENTE INCOMPLETA
Finalmente a fiscal entende que o acusado tiña notablemente mermadas as súas capacidades, así como que o incendio constitúe un delito de menor entidade aplicándolle unha eximente incompleta. Así rebaixa a súa petición de pena a 4 anos e 10 meses de prisión. Inicialmente a Fiscalía pedía unha pena de prisión de doce anos, por un delito de incendio con grave risco para a vida e integridade física das persoas.
Polos delitos de quebrantamento de condena e por coaccións solicita unha pena de cinco meses.
Unha vez cumpra a condena a Fiscalía pide liberdade vixiada e tratamento médico por 5 anos.