A Nao Victoria visita por primeira vez Sanxenxo, onde abrirá as súas cubertas ao público
Por Oskar Viéitez
A réplica da Nao Victoria atópase navegando rumbo a Sanxenxo, onde atracará o próximo día 27 no porto Juan Carlos I para abrir as súas cubertas ao público ata o vindeiro domingo 1 de outubro.
A Victoria visitará Sanxenxo tras facer escala en Getxo e Tazones (Villaviciosa), os primeiros portos españois que visitou tras a exitosa xira que desde o pasado mes de marzo realizou por máis de 20 cidades de Francia, Inglaterra, Holanda, Bélxica e Alemaña, difundindo a súa historia.
A Nao Victoria é a réplica do navío que entre 1519 - 1522 realizou a primeira volta ao mundo dos capitáns Fernando de Magallanes e Juan Sebastián Elcano. Unha expedición que por primeira vez na historia conseguía circunnavegar o planeta e coñecer toda a súa dimensión. Unha gran xesta da navegación española na que houbo unha destacada participación galega. Dez dos tripulantes desta expedición foron galegos, e dous deles, Vasco Gómez Galego e Diego Galego, figuran na exclusiva nómina dos tan só 18 mariños que lograron a fazaña.
En Sanxenxo, a Nao Victoria podra ser visitada a partir do mércores 27 de setembro e ata o domingo 1 de outubro en horario de 10:00 a 20:00 horas. A bordo do navío de 26 metros de eslora e 7 de manga, obra mestra da nosa carpintería de ribeira, os visitantes coñecerán a súa extraordinaria historia, as súas formas, detalles, manobras e as condicións de vida dos mariños da época. Na súa adega, poderán ademais experimentar as vivencias da tripulación que hoxe día segue navegando a bordo deste excepcional navío por todo o mundo.
O prezo da visita é de 4 euros os adultos e 2 os nenos de entre 5 e 10 anos.