Redeaxuda estuda accións novas relativas ás persoas maiores
Por Redacción
A concelleira de Benestar Social Municipal, Anxos Riveiro mantivo este mércores unha reunión de presentación e coordinación coas entidades que integran a Redeaxuda no Concello. Tratouse dun encontro para presentarse como nova concelleira, para confirmar as liñas de traballo xa abertas e agradecer o traballo que todas as entidades, de xeito altruísta, realizan ao longo do ano.
Polo concreto, abordaron as accións que queren pór en marcha no último trimestre do ano como programa Envolve (dos Reis Magos) que se manterá dado que facilita a todas as entidades poder achegar os agasallos par os nenos das súas Maxestades de Oriente.
Pero tamén se estudan accións novas relativas a distintos sectores sociais, como as persoas maiores, atendendo aos datos que facilitarán as entidades nos vindeiros días.
Está previsto pór en marcha accións formativas en competencias básicas por parte das entidades e do Concello para persoas en risco de exclusión. Comezarán proximamente e ofertaranse cursos de paquetería (sobre todo de cara á época de Nadal), en labores forestais ou de albanelaría.
Na reunión de Redeaxuda, as entidades e o Concello tamén realizaron un balance das alertas de emerxencia na Redeaxuda, que tratarán de priorizar e coordinarse mellor.