Piden ao Concello que recupere o cruceiro que a corporación de 1938 lle regalou a Franco para o Pazo de Meirás
Por Oskar Viéitez
O voceiro de Marea Pontevedra, Luís Rei, solicitou que se inicien os trámites para a recuperación do cruceiro pontevedrés "agasallado polos obreiros de Pontevedra" a Francisco Franco, situado no Pazo de Meirás.
O 30 de xullo de 1938, catro meses antes de se facer efectiva a entrega oficial das Torres de Meirás ao "caudillo", fíxose público que viña de chegar ás instalacións do pazo, que se encontraba en proceso de restauración con vistas á doazón, un cruceiro do que se informa pola prensa coruñesa que era "un regalo de los obreros de Pontevedra".
Na realidade este suposto agasallo tivo outra historia ben distinta. Segundo recorda Marea Pontevedra "en xuño dese mesmo ano transcendeu que o Concello de Pontevedra, integrado por alcalde e concelleiros escollidos pola autoridade militar alzada contra a legalidade constitucional da República, tivera coñecemento dun cruceiro que existía no patio da casa dunha veciña da cidade de nome María Señoráns Lores, situada na rúa Arcebispo Malvar número 17, e do que se afirmou por fontes oficiais ‘agradaba de sobremanera a la egregia esposa del Jefe de Estado doña Carmen Polo de Franco’".
Alcalde e edís decidiron encargar unha reprodución do mesmo con obxecto de facelo chegar como regalo institucional para o "Pazo del Caudillo". A propia Carmen Polo, nunha visita a Pontevedra o 9 de xuño dese mesmo 1938, supervisou o aspecto final do cruceiro que se lle ía a regalar e que, segundo o propio concello, "melloraba o orixinal".
"Dado que o regalo foi efectuado por parte da corporación municipal ao que nese días se entendía como Xefe de Estado e que hoxe este cruceiro estaría en posesión da familia Franco, se é que esta non o vendeu xunto con outras propiedades", Marea Pontevedra solicita a corporación actual de Pontevedra que se comecen os trámites administrativos e legais para esixir a devolución do cruceiro entregado en 1938.
Preguntado ao respecto, o voceiro do goberno local, Raimundo González, expresou que "de ser así nós vamos a reclamar a súa devolución, eso está claro" ainda que deixou en mans do concelleiro de Patrimonio, Luis Bará todas estas xestións.
Relacionadas:
-
O almirante Francisco Regalado desaparecerá do rueiro de Combarro en aplicación da Lei de Memoria Histórica
Por Redacción |
-
Homenaxe ás vítimas da represión franquista en Lérez
Por Redacción |
-
O PP volve quedar fóra doutro acordo sobre o Pazo de Meirás
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O pleno aproba dúas mocións reclamando a recuperación do Pazo de Meirás co apoio de todos os partidos excepto o PP
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Os concelleiros estudarán cambiar o nome da rúa Fernández Ladreda por María Victoria Moreno
Por Redacción |
-
O uso do Pazo de Meirás como símbolo franquista acapara os discursos de homenaxe a Bóveda
Por Cristina Saiz & Diego Torrado & Anxo Lourido |