A Escola de Forestais é o primeiro centro do campus en recibir o Q de calidade
Por Redacción
A Comisión de Calidade da Universidade de Vigo acordou outorgar á Escola de Enxeñaría Forestal o Q de calidade, un selo propio co que a institución académica busca recoñecer e dar visibilidade aos méritos acadados neste eido por facultades, escolas, servizos, laboratorios ou centros de investigación.
Este recoñecemento chega despois de que en xuño do pasado ano, a Escola de Enxeñaría Forestal acadase ser o primeiro centro do campus de Pontevedra en obter a certificación á implantación do seu sistema de garantía interna de calidade por parte da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).
Fíxoo despois de superar a avaliación dunha comisión externa encargada de verificar a correcta implantación no día a día do centro do sistema do que este se dotara en 2009.
O reitor, Salustiano Mato, foi o encargado de facer entrega desta distinción, a primeira acadada por un centro do campus pontevedrés, ao director da escola, Juan Picos, e a súa subdirectora e responsable de Calidade, Ángeles Cancela, nun acto celebrado na sede da Reitoría.
"Trátase dun recoñecemento a un traballo que é o resultado da colaboración de todo o mundo no centro e permítenos demostrar ante terceiros a calidade da escola e súas boas prácticas ", salientou Picos.
Relacionadas:
-
O director de Forestais sinala que é un erro que todo o esforzo se centre na extinción dos incendios forestais
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta de Escola confirma a Juan Picos como director da Escola de Enxeñaría Forestal
Por Redacción |
-
Estudantes da Escola de Forestais coñecen o funcionamento de Sogama
Por Redacción |
-
O campus aposta pola mobilidade sostible con ninebots e bicis
Por Redacción |