O Parlamento insta á Xunta a ampliar a lonxa do Grove
Por Redacción
O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a iniciativa presentada por En Marea para instar á Xunta de Galicia a levar a cabo todas as accións precisas para ampliar a lonxa do Grove, de forma que se satisfagan as necesidades mostradas pola confraría.
O deputado no Parlamento, Juan Merlo, destacou na súa intervención a importancia do sector da pesca e do marisqueo sobre todo nunha vila como O Grove que conta cunha confraría con 550 socios e rexistradas más de 300 embarcacións, das que practicamente a metade dedícanse á extracción do mexillón. Estamos polo tanto ante un sector do que dependen de forma directa e indirecta milleiros de familias.
Desde hai máis de tres anos, os membros da confraría veñen reclamando unha ampliación da lonxa, xa que segundo se recolle a través das súas demandas, a actual infraestrutura quedouse pequena, rexistrándose problemas nas zonas das cámaras e das poxas.
A lonxa do Grove actualmente ocupa a sexta posición entre as lonxas galegas con máis facturación, xa que no ano 2016 chegou aos 8.878.510 euros e unha cantidade de 876.221 quilos de producto poxado. Trátase dunha infraestrutura que xera un importante volume de negocio, "polo que lle corresponde á Xunta de Galicia velar porque esta se atope nas mellores condicións posibles". recordou En Marea.