A Xunta oferta novos cursos de formación para desempregados
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Galicia ofertará nas próximas semanas 44 cursos de formación para persoas desempregadas na comarca de Pontevedra, incluíndo Marín, de cara a incrementar as súas posibilidades de acceso ao mercado laboral.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste 1,8 millóns nestas accións formativas na comarca de Pontevedra onde están programados 44 cursos, 10 dos cales están organizados por concellos (A Lama e Vilaboa) e a Deputación de Pontevedra (7 cursos) e 34 organizados por empresas e diversas entidades sociais.
Na comarca do Salnés están programados 20 cursos cun custe de 820.000 euros. Deses cursos dous están organizados polo concello de Cambados e outros 18 por empresas e diversas entidades sen ánimo de lucro. É tamén destacable a implicación dos axentes sociais, tanto das organizacións empresariais así como das entidades sociais.
Na comarca de Caldas de Reis serán 7 cursos de formación para persoas desempregadas o que suporá unha inversión de case 270.000 euros. Catro deses cursos están organizados por concellos (Cuntis e Valga) e tres por empresas.
Un ano máis abundan as accións formativas relacionadas coa atención sociosanitaria, o turismo e as operacións de xestión administrativa, aínda que tamén se ofertan cursos de linguas estranxeiras, sistemas informáticos, equipos eléctricos, socorrismo, servizos financieiros ou montaxe de infraestruturas, entre outros.