Pecha a piscina municipal de Sanxenxo para facer obras de mantemento
Por Redacción
A piscina municipal permanecerá pechada durante quince días como é habitual cada ano por tarefas de mantemento, desde este venres día 1 ata o próximo día 15, ambos os incluídos.
Este ano, a maiores das tarefas de limpeza e pequenas reparacións, vanse acometer unha serie de obras cun orzamento que ascende a 14.600 euros.
Empezarase polas duchas coa limpeza do alicatado e rexuntado do mesmo para o seu posterior pintado, así como pola limpeza e pintado de teitos e paredes. Van selar as xuntas da tapa de granito que hai na cuberta e reparar a tea impermeabilizante no muro medianeiro. Tamén se van a selar as xanelas redondas ao lado sur da edificación.
No ximnasio levantarase a tea impermeabilizante da cuberta, en toda a lonxitude da terraza do bar, levantando sobre un metro de ancho para ver por onde se filtra a auga. Despois taparase o anaco de impermeabilización da cuberta tamén do ximnasio a base de tea asfáltica, con acabado de area en cor negra, similar á xa existente.
E por último vaise fabricar un revestimento de pladur nunha das paredes interiores, que se pintará con pintura antimoho, e farase un revestimento de morteiro da parede do corredor dos baños públicos para finalizar as obras co pintado da mesma.
Desde o goberno local apuntaron que "a piscina municipal é un servizo moi demandado e en Sanxenxo podemos presumir de ser un dos poucos concellos que se encarga directamente da xestión deste servizo, ao contrario doutros concellos que o fan mediante unha empresa, vía concesión".