Onde aparcar este sábado ao coincidir o tríatlon e partido en Pasarón?
Por Redacción
Durante as últimas horas da tarde do sábado 26, Pontevedra acollerá dous acontecementos deportivos que manteñen alerta á Policía Local debido aos cortes de tráfico e limitacións no estacionamento previstos para esa xornada.
O Tríatlon Cidade de Pontevedra espérase que finalice ao redor das 21.00 horas e esta proba limitará o estacionamento nas proximidades ao estadio de Pasarón onde o Pontevedra C.F. disputará un encontro contra o Club Rápido de Bouzas a partir das 20.30 horas.
A avenida de Compostela, Alexandre Bóveda, o campus universitario e os estacionamentos disuasorios do Recinto Feiral non contarán coas habituais prazas de aparcadoiro.
Ante esta situación e coa previsión de que se despracen afeccionados do Rápido de Bouzas a Pontevedra, a Policía Local habilitará a rúa Martín Codax con estacionamento en batería, deixando esta vía cun único sentido de circulación, da Gandara a Domingo Fontán. Tamén se permitirá aparcar en Xoán Manuel Pintos durante todo o día.
A Policía Local tamén recomenda aos viandantes acceder á zona de Pasarón a través da ponte do Burgo cara á avenida da Coruña e Xoán Bautista Andrade. As persoas que se acheguen a través da ponte de Santiago só poderán utilizar o lado esquerdo, porque o dereito estará cortado pola proba de tríatlon.