Félix Juncal segue vivindo na parroquia bueuesa onde naceu, Outeiro. Tras 22 anos como concelleiro e alcalde enBueu, segue sentindo a mesma responsabilidade que o primeiro día cada vez que sobe as escaleiras do Consistorio. Ten no seu haber a alcaldía máis votada e verase en 2019 se a máis prolongada da etapa democrática.
Non todo foron meles na súa traxectoria política, leva gravado o 19 de xullo de 2004. Unha moción de censura auspiciada polo transfuguismo apartouno da alcaldía. Aguantou o tirón na oposición e os veciños reclamárono como alcalde cunha maioría absoluta en 2007. "Que maneira de palmar!, que maneira de vencer!..." canta Sabina no himno atlético. Podería ser ese espírito colchoneiro do que fai gala o que lle levou a sacar tan aleccionadoras conclusións da súa bagaxe política.
Comezou a militar no BNG con 16 anos. Antes de ocupar o seu primeiro cargo público foi camareiro nunha discoteca, traballou na descarga de peixe e mexillón, e tamén nunha asesoría.Alcalde de distancias curtas cos seus veciños, non lle incomoda en absoluto que lle interrompan un café ou un paseo familiar con Silvia, Antía e Alexandre. Silvía é a súa compañeira, que exerceu de "influencer" na súa selección musical desta Playlist de PontevedraViva Radio.
Ademais do Atlético de Madrid e o BNG, Félix Juncal engade o remo como a terceira das paixóns. Un deporte ao que dedicou a mocidade e no que seguiría como veterano se non fose porque unha lesión impídello. Aínda así como afeccionado e como alcalde ségueo e desexa ao Club de Remo Bueu un próspero futuro.
E falando de paixóns e afeccións, a estampa de Juncal xogando unhas partidas ao poxado; esas ás que se afeccionou compartindo infancia con aqueles maiores que xogaban ás cartas no negocio de Emilio e Carmen, os seus pais.