Rescatan os tripulantes dun barco varado entre as praias de Portomaior e Agrelo
Por Redacción
Unha embarcación de recreo e os seus tripulantes tiveron que ser rescatados durante a pasada madrugada en Bueu tras sufrir un accidente entre as praias de Portomaior e Agrelo.
Por causas que se descoñecen, a embarcación quedou varada nunha zona de rocas nesta área próxima á costa da parroquia de Cela, en Bueu, e os seus tripulantes deron aviso ao 112 Galicia.
Desde o 112 mobilizouse ao servizo marítimo da Garda Civil e a Salvamento Marítimo e finalmente os tripulantes foron rescatados por unha embarcación e un helicóptero de Salvamento.
En canto á embarcación varada, foi remolcada ao porto de Bueu.