Un alcoholímetro permitirá comprobar a taxa de alcol antes de coller o coche en Nauta
Por Redacción
Unha noite de marcha, unha copa de máis e poida que a persoa non se atope en condicións para conducir, de modo que, se colle igualmente o seu coche, estará a poñer en perigo a súa propia vida e a do resto de usuarios da estrada. Para evitar desenlaces dramáticos, será importante o novo alcoholímetro instalado en Nauta Sanxenxo.
O aparello instalouse no aparcadoiro de Nauta, o máis utilizado polas persoas que acoden a Sanxenxo para gozar da súa movida nocturna.
Segundo informou o Concello, entrou en funcionamento este xoves e tan só é necesario investir un euro para que o usuario saiba se dá positivo en consumo de alcol superando a taxa máxima estipulada para poder conducir un vehículo.
Previo pago dese euro, o aparello facilita unha boquilla como a que se utiliza nos alcoholímetros que teñen as Forzas de Seguridade. Xa só queda soprar e sairá o resultado da proba. Se dá negativo, poderá conducir. Se non, poderá chamar a un taxi, ir cun amigo ou optar por ir camiñando, se a distancia o permite.