O denominador común da violencia de xénero e a violencia escolar
Por Redacción
A sala audiovisual de SERGA Sanxenxo acollía este xoves un foro aberto para a concienciación social sobre as relacións baseadas no dominio e a submisión. Un encontro no que se trataron temas como o amor "romántico" na mocidade, os problemas aos que se enfrontan as vítimas da violencia tanto de xénero como escolar e as decisións que se deben adoptar nestes casos, os dereitos que deben amparar ás vítimas e as axudas que as institucións ofrecen.
O foro, que congregou a un amplo número de persoas tanto de maneira presencial como a través de conexión online, contou cos relatorios dos inspectores do corpo Nacional de policía José María López Abreu e José Soengas Barreiro, especialista en violencia escolar. José Ángel Ruibal Pérez, inspector principal da Policía Local tamén expuxo un relatorio sobre os casos de violencia machista.
Tras as exposicións, o público entre o que se atopaba o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, realizou diversas consultas para resolver dúbidas sobre estas lacras sociais. Desta forma analizáronse os usos das redes sociais, o dominio, a submisión e os ámbitos sociais en relación cos malos tratos e a violencia tanto escolar como de xénero.
Este foro é o primeiro dos numerosos actos previstos con motivo do 30 aniversario de SERGA. Esta entidade aproveitou para presentar aos asistentes unha nova aplicación para móbil denominada Myopen e que permite a apertura de portas de garaxe a través do smartphone. A app suscitou o interese das persoas que acudiron a este encontro.