Montecelo estrea o segundo aseo adaptado para pacientes ostomizados
Por Redacción
O Hospital Montecelo de Pontevedra acaba de poñer en funcionamento o seu segundo aseo accesible e adaptado para pacientes ostomizados. O primeiro instalouse en febreiro preto da entrada principal do centro e este novo espazo emprazouse no quinto andar.
O novo aseo deseñouno o persoal de mantemento do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra coas achegas da asociación socio sanitaria de enfermidade inflamatoria intestinal (ASEII) de Pontevedra.
As instalacións inclúen un equipo de baño colgado, cunhas medidas de 1,50 metros de alto, 80 centímetros de ancho e 50 de profundidade. Está integrado por un moble que leva incorporado un mecanismo similar ao dun inodoro, dotado dunha cisterna de 10 litros, un lavabo, unha xaboeira e un espello, a través do cal os pacientes poden visualizar a bolsa de ostomía cando teñan que manexala.
Ademais, conta cunha ducha de auga quente sanitaria con regulación e adaptada para que os pacientes disparen o chorro cunha man e poidan ter a outra libre para coller a bolsa.
Esta nova instalación tamén dispón dun mesado para que os doentes deixen os seus utensilios, un portarrolo de papel hixiénico, un cubo hermético para desfeitos contaminantes e un asiento alto, para que as persoas ostomizadas de pouca altura teñan maior accesibilidade á hora de facer uso deste espazo.
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés foi en febreiro a primeira área sanitaria de España en dispoñer dun aseo accesible en condicións óptimas para as persoas portadoras dunha bolsa de ostomía. Nesta área sanitaria hai uns 2.000 pacientes portadores dunha bolsa de ostomía e contabilízanse uns 5.000 a nivel autonómico.
Relacionadas:
-
En bicicleta e patinete por toda Galicia para visibilizar as enfermidades inflamatorias e intestinais
Por Redacción |
-
O Hospital do Salnés estrea aseo adaptado para pacientes ostomizados
Por Redacción |
-
A segunda xornada provincial para persoas ostomizadas centrarase na actividade física e os aspectos sociais
Por Oskar Viéitez |
-
Montecelo, primeiro hospital en España con aseos adaptados para pacientes ostomizados
Por Redacción |