Os socialistas demandan unha urxente resposta da Xunta ante a praga da velutina
Por Redacción
O secretario xeral do PSdeG-PSOE da provincia de Pontevedra, Santos Héctor, reclamou este venres un plan de actuación urxente á Xunta para conter a praga da avespa velutina que está a provocar "un verdadeiro problema medioambiental en toda Galicia".
Santos Héctor subliñou que "están a ser os propios apicultores e os concellos, con medios propios, os que están en primeira liña de combate contra a praga" ao ser demandados polo propio servizo de emerxencias do 112, dependente da administración autonómica, para a retirada dos niños que aparecen en toda a provincia. Os datos demostran o importante desta praga ao ser retirados só na provincia de Pontevedra, nos seis primeiros meses do ano, preto de 1.900 niños de velutina.
O PSdeG-PSOE de Pontevedra recorda que xa en marzo do ano pasado presentaron unha moción na Deputación de Pontevedra para que a Xunta puxera en marcha un plan de actuación, que foi aprobado coa abstención do Partido Popular, e que "case ano e medio máis tarde vemos como ante o deixamento da administración autonómica o número de concellos afectados pola presenza da Velutina se achega aos 200 en toda Galicia" subliña Santos Héctor.
E necesario, destaca o voceiro socialista, que "dunha vez por todas" se asuma a loita contra a praga dun xeito coordinado por un só organismo e que se fomente a investigación "xa que polo momento só a Universidade de Santiago e algún experto da de Vigo están a desenvolver algún tipo de traballos".
Entende necesario tamén unha programación das actuacións técnicas para o combate contra esta invasora, sendo a primavera e o outono a época para a captura das avespas reinas mediante o trampeo e o verán a mellor para a retirada dos niños, segundo destacan os propios apicultores "polo que a Xunta ten que articular un plan de actuación que contemple todo o ano e poida dotar de medios aos equipos de emerxencias para atender este problema".
Santos Héctor subliña que ademais existe certa preocupación na comarca do Salnés para a próxima época da vendima pola presenza de niños entre as vides e o risco que isto pode supor para os traballadores.
Por último, o voceiro socialista lamenta que o director xeral de Emerxencias acuda a Pontevedra "so para polemizar polo consorcio contra incendios e non diga nin unha soa palabra sobre a crise medio ambiental que está a provocar a avespa velutina en Pontevedra e en toda Galicia. Os verdadeiros problemas dos cidadáns parece que é o que menos importa para esta Xunta do Partido Popular".