O PP reclama unha liña de axudas para parques infantís na provincia
Por Redacción
Crear un plan de dotación de parques infantís para os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes. É a petición que fai o Partido Popular na moción que vén de presentar para o seu debate no pleno da Deputación de Pontevedra.
Os populares entenden que dez anos despois do último plan destas características, co que se crearon ou renovaron máis de 250 áreas recreativas, é o momento de facer unha nova revisión que contemple a creación de novas áreas nos concellos de menor tamaño.
Tamén consideran que se deben realizar melloras nos parques xa existentes xa que o paso do tempo, sumado ao uso intensivo, provocou que moitas destas instalacións estean hoxe moi deterioradas e nalgúns caso incluso non sexan aptas para o goce dos cativos.
O deputado Ángel Moldes sinala que, ademais do Plan Concellos, a Deputación ten que crear liñas específicas de axudas aos concellos, "porque é a súa obriga cooperar economicamente cos municipios e ver as necesidades e demandas coincidentes", como é a creación de novas áreas de xogo e a renovación dos parques infantís xa instalados.
"Se o goberno provincial se reunira cos alcaldes sabería cales son as necesidades dos concellos e as verdadeiras demandas dos veciños e poderían sacar liñas específicas con moito máis éxito que alguhas que se puxeron en marcha nos últimos meses como a das comunidades de montes", concluíu o deputado do PP.