O PP reorganízase na Deputación e cambia catro dos seus deputados
Por Alejandro Espiño
Catro novas caras sumaranse, probablemente a partir de setembro, ao grupo do Partido Popular na Deputación de Pontevedra. Así o anunciou este venres o presidente provincial do partido, Alfonso Rueda. Cúmprese así unha substitución que xa estaba pactada polos populares desde o inicio do mandato.
A actual portavoz do PP, Nidia Arévalo, será unha das deputadas que abandonarán o seu escano. Xunto coa alcaldesa de Mos, tamén marchan a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, e os ex alcaldes de Ponteareas e Cangas, Julio Alén e Enrique Sotelo.
Os catro serán substituídos, respectivamente, polo portavoz do PP en Salceda de Caselas, Santiago Rodríguez; o alcalde da Lama, Jorge Canda; a concelleira do PP en Ponteareas, Belén Villar; e o ex alcalde de Moaña, José Fervenza.
Alfonso Rueda quixo destacar a "normalidade" coa que se produce esta substitución e destacou o traballo "exemplar" que "desde o primeiro día" realizaron estes deputados "asumindo o novo rol" do PP na oposición.
Todos eles aguantaron, especialmente dixo de Nidia Arévalo, os "desplantes" e as "malas caras" da actual presidenta, Carmela Silva, e soubo "estar no seu lugar". Os socialistas, destacou, "non esperaban" atoparse cunha oposición "leal e construtiva" e que "sabe perfectamente" como é a institución provincial.
Aos novos compañeiros, Rueda pediu que sigan traballando de forma "incansable" para manter o nivel "moi alto" do grupo provincial do PP, pensando xa en "recuperar" concellos perdidos nas últimas eleccións e no obxectivo principal, volver gobernar na Deputación.
O portavoz do grupo seguirá sendo Ángel Moldes, que non abandonará o seu escano ao estar o portavoz en Pontevedra, Jacobo Moreira, no parlamento galego. Os cambios prevense realizar no pleno de setembro.
Nidia Arévalo, en nome dos deputados saíntes, destacou que durante estes dous anos, o PP converteuse no "portavoz" de numerosos colectivos, veciños e alcaldes que viviron "inxustizas diarias" na toma de decisións do novo goberno.
A aínda portavoz do grupo provincial lamentou que Pontevedra está "paralizada" e o PP ten a sensación de "canto se fixo ata hai dous anos e que pouco ou nada se fixo estes últimos dous", e destacou que "non podemos permitir que isto continúe".
Tanto Rueda como Arévalo destacaron o cambio "ordenado"que se produce no PP, unha actitude que contrapuxeron coas "loitas internas" e as "batallas polo poder" que aprecian noutras forzas políticas cando se producen procesos similares.