Cogami, novo asesor da Deputación en materia de accesibilidade
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra vai poñer en marcha unha liña de colaboración constante coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) para "contar co seu asesoramento e experiencia" e dar cumprimento a un dos obxectivos primordiais da institución provincial, a accesibilidade univesal.
O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, reuniuse este mércores con representantes de Cogami e anunciou que se celebrará proximamente unha mesa provincial pola accesibilidade e que se vai mellorar a mobilidade peonil no contorno do centro de recursos que Cogami ten no concello de Mos.
A Deputación aprobou un decálogo de criterios de actuación nas vías provinciais que marcou a filosofía a seguir, sempre apostando por cumplir os parámetros da accesibilidade universal. De todas maneiras, "no día día hai dúbidas ou diferencias de criterio", por iso consideran importante establecer unha colaboración constante con Cogami para facer que os proxectos, iniciativas e actuacións "sexan o máis exitosos posible neste eido".
Segundo recolle a Deputación a través dun comunicado, o presidente de Cogami, Anxo Queiruga, agradeceu á institución provincial a convocatoria para falar de actuacións en materia de accesibilidade universal, xa que manifestou "é un tema que nos preocupa" e lembrou que a accesibilidade no deseño dos espazos non é un tema específico só para persoas con discapacidade, senón que é unha cuestión que afecta á sociedade no seu conxunto, xa que calquera persoa pode sufrir problemas de mobilidade transitorios ou unha intervención puntual que lle faga precisar certas condicións de accesibilidade.
Queiruga subliñou que a día de hoxe moitos concellos non teñen en conta as necesidades mínimas de accesibilidade e atópanse con situacións como que os cantos das beirarrúas non están matados, non se acaba en cota cero, séguense a facer beirarrúas en lugar de plataformas únicas.... "A accesibilidade debe ir integrada no deseño, non supoñer pegotes a maiores", subliñou, ao tempo que agradeceu que a Deputación conte coa súa experiencia.
Relacionadas:
-
14 persoas fórmanse como auxiliares de panadería nun curso de Cogami
Por Redacción |
-
Unha empresa asesorará ao Concello para garantir que as obras municipais cumpren criterios de accesibilidade
Por Natalia Puga |
-
Proxectan a mellora da accesibilidade en pasos de peóns por toda a cidade
Por Alejandro Espiño |