Proxectan a mellora da accesibilidade en pasos de peóns por toda a cidade
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal, en colaboración coa asociación Amizade, levou a cabo nos últimos meses un traballo para revisar as condicións de accesibilidade dos pasos de peóns que hai pola cidade. Froito dese plan, o Concello detectou deficiencias en moitos deles que dificultan o tránsito de persoas con mobilidade reducida ou invidentes.
Así, o goberno municipal decidiu modificar distintos pasos de peóns da cidade para adaptalos á nova directriz técnica municipal, resolvendo así estes problemas de accesibilidade.
Segundo avanzou o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, realizaranse dous tipos de intervencións. Nalgúns puntos é preciso corrixir o encontro da beirarrúa coa calzada ou resolver pequenos problemas de accesibilidade e noutros puntos haberá que corrixir o pavimento para persoas cegas.
O Concello actuará en pasos de peóns situados, entre outras zonas, na avenida de Bos Aires, na praza de Barcelos, en García Camba, en Sagasta, na avenida de Vigo ou en Eduardo Pondal. Neste caso, son desniveis de ramplas ou desaxustes nas alturas das beirarrúas e das calzadas.
Ademais, detectáronse problemas cos pavimentos para persoas invidentes en Alfonso X e en Cobián Roffignac. Aquí preténdese mellorar os camiños que seguen os invidentes cara aos pasos de peóns, reducindo o número de lousas con botóns que os confunden na súa andaina.
A primeira actuación será na praza de Barcelos, porque ten moito tránsito de peóns. O orzamento da intervención será de 85.279 euros e está previsto completar a beirarrúa que parte da rúa Rouco cara Barcelos pola zona peonalizada e tamén poñer lombos en todos os pasos de peóns da praza, actuando tamén nas de onde arrancan estes pasos.
A intención do Concello é que esta obra, que non tocará o pavimento da praza, poida estar executada neste mesmo ano.
Relacionadas:
-
Marea Pontevedra proporá un plan de supresión de barreiras no municipio
Por Redacción |
-
Amizade presenta preto de 200 queixas na Xunta pola inaccesibilidade das oficinas de consumo
Por Oskar Viéitez |
-
Cogami, novo asesor da Deputación en materia de accesibilidade
Por Redacción |
-
A Xunta de Goberno aproba máis de 600.000 euros para proxectos de accesibilidade e seguridade viaria
Por Redacción |