Un de cada dous menores tutelados pola Xunta no programa Mentor atopa traballo
Pontevedra é unha das cidades nas que a Xunta conta cunha vivenda tutelada para mozos e mozas en risco de exclusión social. É un servizo residencial dirixido a rapaces de entre 16 e 21 anos que, integrados no programa Mentor, prepara os seus usuarios para a vida autónoma e a súa inclusión no mercado laboral.
E o éxito é indiscutible. No pasado ano, un de cada dous menores que pasaron polas nove vivendas que a Xunta de Galicia ten por toda a comunidade, atoparon traballo tras o seu paso por elas.
Así o destacaron o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, que visitaron este luns a vivenda tutelada de Pontevedra.
Este servizo residencial está dirixido a aqueles rapaces que estean ou estivesen baixo tutela ou garda da administración pública, suxeitos a medidas xudiciais ou que sexan usuarios doutros programas dependentes de órgano xestor. En determinados casos, coma nos que os usuarios estean a realizar estudos universitarios, poden continuar no programa ata os 25 anos.
"Non son delincuentes nin rapaces problemáticos", asegurou o director de Igaxes3, Carlos Rosón. Esta fundación administra estas vivendas nas que residen nenos que, segundo explicou o seu responsable, non teñen familia e cos que se traballa para que acaden unha vida autónoma e independente.
A vivenda tutelada de Pontevedra ofrece un total de oito prazas e conta con 19 dependencias entre as que destacan catro baños, un aseo, unha cociña-comedor, dúas salas de estar, unha sala de estudo e cinco dormitorios para que os usuarios poidan ter o seu espazo e ao mesmo tempo estancias nas que interactuar co resto de mozos e mozas que habitan a vivenda.
Como parte do proceso de adaptación á vida independente, na vivenda tutelada realízase unha intensa intervención educativa, formativa e de desenvolvemento, que dota aos usuarios de habilidades persoais e sociais necesarias para lograr a emancipación. Ademais, proporciona aos participantes a capacitación para o acceso aos servizos de colocación, de formación e de busca de emprego.
Na actualidade están cubertas catro das oito prazas que oferta a vivenda pontevedresa e durante a visita o conselleiro escoitou as impresións dos rapaces que xa pernoctan nela.
As necesidades que se procuran satisfacer a través do Mentor son promover a integración social e laboral dos participantes, crear as estruturas axeitadas para o acompañamento, formación, emprego e seguimento dos mozos e mozas, preparalos para a vida independente e establecer redes de apoio á inserción por medio da colaboración con entidades públicas ou privadas que desenvolvan accións no marco laboral, formativo ou de atención.
O programa Mentor, considerado boa práctica a nivel europeo, naceu na comunidade autónoma galega no ano 1998 como un programa unicamente de inserción laboral para menores tutelados. Progresivamente foron incrementándose os beneficiarios e obxectivos, sendo agora unha actuación máis integral na que se traballa a capacitación para a vida independente do menor, tanto laboral, como social.
Esta iniciativa obtivo o ano pasado os mellores resultados de participación e contratación desde a súa posta en marcha ao rexistrar 534 beneficiarios.