A Plataforma Nunca Máis volve para evitar outro "Prestige"
Por Anxo Lourido
O 16 de outubro comezará na Coruña o xuízo para derimir responsabilidades no caso da catástrofe do Prestige. Por este motivo, a plataforma Nunca Máis recupera a súa actividade para facer unha análise do acontecido despois de que hai dez anos o petroleiro espallara máis de 60 mil toneladas de fuel no litoral galego.
En Pontevedra, o voceiro da plataforma, Xosé Manuel Abraldes, acompañado por representantes de diferentes colectivos como os sindicatos maioritarios (UGT, CC.OO. e CIG), a APDR, a Federación Castelao ou a Asociación Cultural Maio Longo, anunciaba que van estar moi alerta do que poida suceder durante o proceso xudicial. Entenden que os auténticos responsables non son os que van sentar no banco de acusados e afirmou que se está a culpar a técnicos de rango inferior. E citou como exemplo ao ex director xeral da Mariña Mercante, José Luis López Sors, que "está a asumir todas as responsabilidades cando, en realidade, as decisións foron políticas".
Abraldes asegura que aínda non se adoptaron medidas para evitar que se volva producir un novo caso como o do Prestige no litoral galego. Neste sentido, apuntou que as competencias seguen a estar centralizadas en Madrid, discriminando a Galicia. Indicou, ademais, que falta control por satélite e que a comunidade galega segue estando á cabeza da Unión Europea en verteduras contaminantes de hidrocarburos. Neste sentido, denuncia que existe descoordinación no seguimento do tránsito marítimo ademais de que "se están a privatizar os medios de salvamento".
Por outra parte, a Plataforma entende que xa non se está a exercer control sobre o pecio do Prestige cando nos seus tanques aínda queda máis dun milleiro de toneladas de hidrocarburos.
Concentración na Coruña
De maneira simbólica, a Plataforma vai concentrarse o día 16 ás 11 da mañá no recinto feiral da Coruña onde se vai desenvolver o xuízo. Para iso van poñer autobuses a disposición dos interesados en asistir á concentración. Aquelas persoas de Pontevedra que queiran acudir a esta cita deberán apuntarse nos locais sindicais.
Relacionadas:
-
Presentan o documental '20 anos de dignidade' da plataforma Nunca Máis no Pazo da Cultura
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Pontevedreses ás portas do xuízo do Prestige: agora vémonos todos outra vez coas mans negras
Por Natalia Puga |
-
Nunca Máis de Pontevedra maniféstase hoxe na Coruña no inicio do xuizo do Prestige
Por Redacción |
-
Sen danos no ADN pola recollida do chapapote do Prestige
Por Redacción |