Os comuneiros advirten: "o inimigo público número 1 do monte comunal pasa a ser Medio Rural"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM) saíu publicamente este venres en defensa dos comuneiros de Noalla, en Sanxenxo, tras a recente resolución do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra que decide non declarar monte veciñal os terreos da Lanzada en litixio desde hai anos.
A resolución cambia unha clasificación previa do ano 1989 e bota por terra os argumentos da Comunidade de Montes de Noalla, pero, sobre todo, supón "un precedente" que os representantes dos comuneiros galegos ven perigoso. O presidente da ORGACCMM, Xosé Alfredo Pereira, cre que é o primeiro paso para empezar a privatizar todo o monte comunal de Galicia.
Pereira sostén que esta é a primeira resolución que segue as directrices dun documento interno que manexa a Consellería do Medio Rural, e que os propios comuneiros teñen no seu poder, sobre os montes comunais. Non se trata dun documento oficial, pero si oficioso, ninguén nega a súa existencia e, a xuízo dos comuneiros, responder a "unha estratexia do PP de roubar montes veciñais aos lexítimos donos, os veciños" para facelos públicos e, nunha seguinte fase, que pasen a mans privadas.
"O inimigo público número 1 do monte comunal pasa a ser a Consellería do Medio Rural co brazo executor do Servizo de Montes", advirte o presidente dos comuneiros galegos, que cre que detrás dese documento e esas directrices hai un "intento de privatizar o monte veciñal" e a resolución de Noalla é o primeiro "experimento" que, se sae ben, aplicarase noutras partes de Galicia.
Para evitar que isto ocorra, os comuneiros empezarán a denunciar publicamente a situación e expoñerán a situación aos distintos grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia para que se debata a través de distintas iniciativas na Cámara autonómica.
O presidente dos comuneiros galegos compareceu acompañado polo presidente dos comuneiros do Monte Castrove, Claudio Quintillán; e o seu homólogo de Noalla, Roberto Garrido Pérez, para denunciar esta resolución "negativa" que afecta á clasificación do istmo da Lanzada, pero tamén para advertir que pode sentar un precedente.
O representante dos comuneiros de Noalla, ademais, anunciou que, se non se impón o sentido común, levarán a resolución do Xurado Provincial de Montes Veciñais ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.