Confesa que tentou matar un home de varias navalladas e acepta cinco anos de cárcere
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Un arousán confesou este martes na Audiencia Provincial de Pontevedra que en abril de 2016 tentou acabar coa vida doutro home cravándolle dúas veces unha navalla no costado e por este delito aceptou cumprir unha pena de cinco anos de prisión.
O home, Johnny A.B.H., sentou no banco dos acusados da Sección Segunda da Audiencia este martes e recoñeceu os feitos, polos que a Fiscalía pedía inicialmente que fose condenado a sete anos e seis meses de prisión, pero finalmente reduciunos a cinco ao aplicarlle a circunstancia atenuante da responsabilidade criminal de embriaguez.
A fiscal do caso, Carmen Novo, modificou as súas conclusións iniciais para engadir que, no momento dos feitos, o acusado consumira alcol e tiña un leve estado de embriaguez, de modo que reduciu a petición de condena por un delito de homicidio en grao de tentativa.
Tras a confesión do procesado, tanto a acusación particular como a sñua defensa estiveron de acordo coa Fiscalía e o home aceptou a pena, de modo que o presidente do tribunal, Xosé Xoán Barreiro, xa ditou sentenza condenatoria. O fallo xudicial xa é firme, pois ningunha das partes vai recorrelo.
Os feitos polos que foi condenado ocorreron sobre as 11.10 horas do 3 de abril de 2016, cando o procesado estaba en situación administrativa irregular en España. Camiñaba pola praza da Independencia en Vilagarcía de Arousa con amigo, cruzouse coa súa vítima, que tamén ía cun amigo, e produciuse unha discusión entre todos eles.
Nun momento dado, abalanzouse sobre un dos implicados na pelexa e, co propósito de acabar coa súa vida, asestoulle dúas puñaladas no costado cunha navalla que levaba. Non lle cravou unha terceira porque llo impediu un dos implicados, que levou ao ferido do lugar. O individuo atacado sufriu dúas feridas de arma branca en ambos os costados que lle provocaron fracturas costais.
O fiscal tamén reclama que o acusado indemnice á súa vítima con 1.290 euros polas lesións, 1.000 euros pola secuela e 3.000 euros polos danos morais sufridos. Ao Servizo Galego de Saúde da Xunta de Galicia pagaralle os 3.967,66 euros polos gastos xerados polas asistencias sanitarias.