O guindastre poderá retirar coches mal estacionados na zona portuaria de Portonovo
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo e Portos de Galicia asinaron un convenio para regular o uso da zona portuaria de Portonovo.
Trátase dun convenio permitirá ao Concello exercer a vixilancia da zona portuaria e ordenar o tráfico nos accesos e dentro do recinto, o que supón entre outras cousas que o guindastre municipal poderá levar os vehículos que estorben e prexudiquen a circulación e a Policía Local poderá impoñer multas, como en calquera outro punto do municipio, aos coches que non respecten a sinalización.
O acordo ten unha duración de catro anos e permitirá aliviar en parte o problema de aparcadoiro na vila, especialmente durante os meses de verán.
ZONA AZUL
O traballo de pintado da zona azul, que regulará o aparcadoiro en varias zonas de Sanxenxo, está próximo á súa finalización. Tras parar durante sábado e domingo, está previsto que se finalice durante a próxima semana.
Polo momento estableceuse esta medida na Avenida de Madrid, Paseo de Silgar e na rúa Luís Vidal Rocha, aínda que se estuda ampliar a medida a outras zonas de Sanxenxo e tamén de Portonovo.
A zona azul non entrará en vigor ata que se coloquen os sinais verticais. A partir dese momento aparcar seguirá sendo de balde, pero establecerase un límite máximo de permanencia na mesma praza de 2 horas.