Ponte Caldelas e a política das pequenas cousas
Por Oskar Viéitez
A veciñanza de Sobreiro, na parroquia de Xustáns, xa non terá que preocuparse nos días de choiva pola charca que se formaba nun cruzamento entre dous vías municipais. O Concello rematou estes días as obras da nova rede de recollida de augas pluviais.
Os operarios municipais instalaron tubaxes para canalizar as augas dende a parte superior, ata desvialas por un espazo entre as vivendas. Ao mesmo tempo, tiveron que colocar dúas grellas transversais de recollida para solucionar a complicada caída nesta zona.
A obra era unha demanda insistente dos residentes nesta zona, pois levaban anos aguantando o problema. O alcalde, Andrés Díaz, visitou o lugar e agarda que con este investimento acaben tamén os prexuízos para dúas vivendas especialmente afectadas polos frecuentes asolagamentos ao longo do inverno.
O goberno local xa acometeu preto dunha vintena de actuacións de mellora na rede de augas pluviais no municipio ao longo dos dous anos transcorridos deste mandato municipal. En case todos os casos, trátase de lugares con vías municipais con forte pendente pola que as augas baixan, producindo problemas ás vivendas situadas en curvas ou lugares baixos.