Feijóo anuncia en Ribadumia un plan estratéxico da conserva
Por Redacción
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que nas vindeiras semanas Galicia terá un Plan Estratéxico da Conserva, que permitirá imprimirlle ao sector "un rumbo certo cara ao futuro".
Fíxoo durante a visita á fábrica de Conservas La Brújula en Ribadumia, unha das máis punteiras do sector, que foi remodelada recentemente.
Esta renovación, aplicando a última tecnoloxía para mellorar a conserva tradicional, foi apoiada con 3,2 millóns de euros pola Xunta e está a crear 40 empregos directos.
O presidente avanzou que o goberno galego seguirá contribuíndo a que estas compañías "dean un salto de calidade para poder competir a nivel global", para o que destinará ao sector outros 96 millóns de euros máis ata 2020.
Deste xeito, agarda que Galicia poida manter e reforzar o liderado nun sector que lle dá emprego directo a 12.000 persoas e supón o 2,8% do PIB da comunidade.
España é o segundo produtor mundial de conservas e Galicia representa o 86% da produción a nivel nacional.