A Xunta asegura que "non hai cambios" no Avelino Montero
Por Oskar Viéitez
A directora xeral de Familia da Xunta, Amparo González, asegurou este venres que "non hai cambios" no Centro de Menores Avelino Montero de Pontevedra.
Nunha comparecencia de prensa, Amparo González referiuse á denuncia do secretario intercomarcal de UXT en Pontevedra e Arousa, Ramón Vidal, sobre as "propostas de peche e privatización de servizos" da Xunta para este centro.
UXT asegurou que a xefatura territorial da Consellería de Política Social xa lles tiña confirmado o peche do servizo de cociñas, unha decisión que rexeitan as traballadoras.
Este venres a directora xeral de Familia afirmou que "desde a Xunta de Galicia e en concreto desde a Consellería de Política Social non vai haber ningún cambio respecto do que estamos a facer, a cociña vai seguir con servizo propio".
Amparo González engadiu que "o que queremos é garantir a estabilidade e a tranquilidade dos traballadores e como non, sempre garantir o benestar dos nosos menores".
Insistiu a directora xeral en que "non hai cambios todo sigue como sempre" e evitou contestar sobre a decisión de peche que a xefatura territorial trasladou ao persoal de cociñas "non vou entrar", limitouse a dicir.