UXT alerta de "propostas de peche e privatización de servizos" no centro de menores Avelino Montero
Por Oskar Viéitez
O secretario intercomarcal de UXT en Pontevedra e Arousa, Ramón Vidal, denunciou as "propostas de peche e privatización de servizos" no centro de menores Avelino Montero de Pontevedra.
O Avelino Montero é un centro semiabierto para mozos condenados, fundamentalmente, por delitos contra a propiedade e malos tratos familiares. Ten unha capacidade de 25 menores dos que se ocupan varias quendas de catro ou cinco educadores. A maiores, as instalacións contan con persoal de seguridade, servizos xerais, cociña e limpeza, entre outros.
No caso do servizo de cociñas, a xefatura territorial da Consellería de Política Social xa lles confirmou que a privatización se vai a levar a cabo pechando este servizo, unha decisión que rexeitan as traballadoras do centro de menores. Antes xa foran privatizados outros servizos que presta este centro.
Ramón Vidal asegurou que a mera formulación desta privatización "indica un profundo descoñecemento das necesidades diarias deste centro" destacando a importancia que ten na intervención socioeducativa a dispoñibilidade dun servizo de cociña propio e a necesaria resposta que dá en situacións de excepcionalidade, onde os ingresos son impredicibles durante 24 horas ao día os 365 días do ano.
A estes argumentos suman a "mala experiencia" que tiveron os traballadores do Avelino Montero cun servizo de cáterin que foi contratado "por fortuna temporalmente" e que servía comida "de pouca calidade, escasa e que en ocasións chegaba tarde".
Segundo UXT, as "promotoras deste desmantelamento privatizador" son a xefa territorial da Consellería de Política Social e a xefa do servizo de Coordinación Administrativa que se basean en "criterios economicistas".
Tamén desde a Xunta de Galicia este sindicato percibiu unha "falta de sensibilidade" cos empregados públicos "os únicos que aseguran dereitos e dignidade fronte á incerteza da empresa privada".
O sindicato UXT conclúe que a proposta da Xunta terá "negativas repercusións" para menores e traballadores.
O próximo día 12 de xullo os traballadores do Avelino Montero concentraranse en protesta ante a porta principal do centro de menores.
Relacionadas:
-
A Xunta asegura que "non hai cambios" no Avelino Montero
Por Oskar Viéitez |
-
Comisións Obreiras pide que se habilite unha unidade específica no Príncipe Felipe para acoller a menores conflitivos
Por Oskar Viéitez |
-
Ordenan o internamento nun centro cerrado para o menor detido por tres agresións sexuais
Por Redacción |
-
Protesta dos traballadores de seguridade do Avelino Montero ao persistir os impagamentos dos seus salarios
Por Diego Espiño |
-
'El Peque' que revolucionou o Avelino Montero enfróntase a 25 anos máis de cárcere
Por Oskar Viéitez |