A Garda Civil detén a un marinense por conducir de forma temeraria e causar un ferido grave
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil detivo a un mozo veciño de Marín como suposto autor dun delito contra a seguridade viaria con motivo dun accidente de circulación en Ponteareas, no que resultou ferido grave o copiloto.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, o accidente produciuse a última hora da tarde do pasado xoves nunha vía de acceso ás canteiras do Confurco, no municipio de Ponteareas, onde se citaron varios mozos cos seus vehículos para realizar unha exhibición de condución evasiva.
Cos motores ao límite das súas revolucións e como adoita ser habitual neste tipo de concentracións, os pilotos levan á práctica todo tipo de manobras temerarias efectuando todo tipo de derrapaxes e trompos que poñen en risco as súas propias vidas e a dos demais usuarios e espectadores.
Un dos vehículos que participaba na concentración, concretamente un BMW, que pilotaba D.V.B., de 22 anos, veciño de Marín, sufriu unha brusca saída da vía e precipitouse por un terraplén.
Como consecuencia do accidente, o vehículo sufriu importantes danos materiais, o piloto resultou ileso e o copiloto, un mozo veciño da parroquia pontevedresa de Tomeza, de 27 anos, que circulaba sen o cinto de seguridade, resultou ferido grave.
Unha vez constatadas as circunstancias nas que se produciu o accidente e as causas que o motivaron, derivadas da condución temeraria que estaban a realizar, o GIAT (Grupo de Investigación e Análise deTráfico) do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra, procedeu á detención do condutor, ao que se lle acusa da comisión dun presunto delito contra a seguridade viaria (condución temeraria) e outro de lesións por imprudencia.
O detido quedou en liberdade coa obrigación de comparecer no Xulgado, cando o citen. As dilixencias entregáronse no Xulgado de Instrución nº 2 de Ponteareas.