O pleno do Consello Social da Universidade trasládase por primeira vez á Escola Naval
Por Redacción
Nunha sesión que se desenvolvía por primeira vez na Escola Naval Militar de Marín, sede do Centro Universitario da Defensa, adscrito á institución académica, o pleno do Consello Social da Universidade de Vigo deu o seu visto e prace as contas de liquidación do orzamento da Universidade de Vigo do ano 2016, previamente aprobadas polo Consello de Goberno da institución académica.
Así mesmo, no pleno celebrado este xoves nas instalacións de Marín, este órgano colexiado analizou tamén os informes de auditoría correspondentes ao pasado exercicio orzamentario, ao tempo que procedeu tamén á aprobación das contas das sociedades Cidade Universitaria, CITEXVI e Fundación Universidade de Vigo.
A liquidación do orzamento foi abordada nas súas intervencións polo reitor, Salustiano Mato, o vicerreitor de Economía e Planificación, José Manuel García, e o xerente, Manuel Fernández Jáuregui, así como polo presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, quen sinalou que as contas amosan a "estabilidade, eficiencia e determinación", dunha universidade "que usa de forma eficiente os recursos públicos ano tras ano".
Pedrosa, así mesmo, valorou na súa intervención a conxelación por quinto ano consecutivo das taxas universitarias por parte da Xunta de Galicia.
Os membros do órgano foron recibidos polo seu comandante-director, José María Nuñez Torrente, e realizaron un pequeno percorrido polas súas instalacións do recinto militar.
Tras a visita, Pedrosa valorou a acollida brindada polo centro militar, ao que definiu como un bo exemplo da "diversidade e responsabilidade" da Universidade, "e de como aproveita as posibilidades que ten para integrar e implicarse no territorio". Nese mesmo senso, afirmou que "estar aquí é unha honra, pero tamén unha obriga, porque a presenza da universidade sempre xera espazos sensibles de progreso, convivencia, tolerancia e saber".