Confirman o roubo dun cadro de Villafínez do Museo de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, confirmou a desaparición dun cadro de Villafínez exposto no Sexto Edificio.
O roubo tivo lugar hai case dous anos, en agosto de 2015, "non se ocultou" dixo Carlos Valle ante as críticas xurdidas pola falta de transparencia da institución museística ante este caso.
O director do Museo explicou que "se fixo exactamente o que se ten que facer nestes casos", que foi presentar denuncia ante a Policía "inmediatamente detectada esa desaparición", un trámite que fixo persoalmente Carlos Valle. A continuación formulouse o pertinente parte ante a compañía de seguros que se fai cargo da póliza que asegura todo o contido do Museo.
"Non hai nada de ocultación", insistiu Valle, "non é unha circunstancia como para enviar unha nota de prensa", engadiu.
Obviamente fíxose unha procura por todos os edificios do Museo por se o cadro fora retirado por algún motivo e unha vez que se comproba que non se tocou o óleo de Villafínez por ningunha causa "de réxime interno" denunciouse o roubo.
Os investigadores da Policía rastrexaron as instalacións e revisaron todas as gravacións do circuíto interno de vixilancia aínda que a procura foi infrutuosa porque o cadro atopábase nun "ángulo morto" para a visión das cámaras.
A desaparición do cadro de Villafínez foi revelada por Ernesto Vázquez-Rey, secretario da Asociación Amigos do Museo, reparando no feito de que, no momento no que se produciu o suceso Carlos Valle "estaba 'limitado' no exercicio das súas funcións por un director de xestión" nomeado polos anteriores responsables políticos da institución.
Vázquez-Rey sinalou unha "colaboración estratéxica" co autor deste roubo para sacar unha paisaxe do pintor Lino Martínez Villafínez dunha das paredes do Sexto Edificio.
Este mércores o actual responsable político do Museo, o deputado de Cultura, Xosé Leal, defendeu que esta institución é "seria e rigorosa" no seu labor científico e administrativo polo que rexeitou as acusacións de escurantismo e as teorías de "política ficción", indicando que "tentar manchar a imaxe do Museo con esas afirmacións desacredita a esa xente". "Paréceme ata vergonzante, aquí séguense as canles que hai que seguir por lei", afirmou.
A imaxe do cadro desaparecido de Villafínez foi difundida entre as forzas e corpos de seguridade a nivel internacional para dar co paradoiro da obra.