A xuízo por alterar un parte amistoso de accidente para cobrar unha indemnización por unha lesión que xa padecía
Por Oskar Viéitez
A sección cuarta da Audiencia de Pontevedra sinalou para o vindeiro martes día 27 de xuño dous xuízos que previsiblemente se resolverán mediante un acordo de conformidade entre a Fiscalía e os acusados.
Trátase, por unha banda, dun xuízo por un delito continuado de estafa e apropiación indebida. A Fiscalía acusa o empregado dunha gasolineira de quedar con 16.900 euros tras alterar os libros rexistro do establecemento. Pide que sexa condenado a dous anos e medio de prisión e a devolver o diñeiro. O caso procede do Xulgado de Instrución nº2 de Vilagarcía.
Horas despois, na Sección Segunda, está prevista a vista oral por un caso de falsidade e estafa procesual. Un home, veciño da cidade do Lérez, está acusado de mentir sobre un accidente de tráfico para recibir unha indemnización. A fiscal pide un ano e sete meses de prisión e multa.
Segundo o escrito de acusación que formula o Ministerio Fiscal este home alterou un parte amistoso de accidente "co fin de obter unha sentenza ao seu favor concedéndolle unha indemnización de 12.084 euros nos que incluíu ademais os efectos por unha patoloxía que era xa anterior ao accidente".
Os feitos remóntanse a decembro de 2014 cando o acusado acudiu a un xulgado de Primeira Instancia de Pontevedra a presentar demanda contra outro usuario da vía pública e a súa aseguradora por un accidente de tráfico ocorrido un ano antes.