60 pacientes de Oncoloxía participaron nos talleres de maquillaxe nos hospitais de Pontevedra no último ano
Por Redacción
Preto de 60 pacientes que se someten a tratamentos oncolóxicos na área sanitaria de Pontevedra e do Salnés participaron durante o último ano nos talleres de cosmética e maquillaxe que a xerencia ten en marcha en colaboración coa Fundación Stanpa no Hospital Provincial.
Estas pacientes fan un balance moi positivo desta experiencia do mesmo xeito que os profesionais de enfermería, segundo apúntase desde o Sergas. Este éxito baséase na gran implicación das esteticistas voluntarias que acompañan ás pacientes en cada un dos talleres e do equipo asistencial do Complexo Hospitalario. As sesións desenvólvense coa presenza dunha profesional da unidade de Oncoloxía para responder as dúbidas que xurdan sobre a patoloxía e os coidados da pel.
O programa denomínase 'Ponte guapa, te sentirás mellor' está previsto, segundo apuntan desde a xerencia dos hospitais, que continúen. Desta forma, está previsto que a partir de setembro se estableza un novo calendario coa programación para o curso 2017/18.
Nas sesións analízase desde a limpeza e a hidratación da pel ata a corrección de imperfeccións, ademais de distintas técnicas de maquillaxe. A Fundación Stanpa entrega a cada unha das participantes un neceser de produtos doados por diferentes marcas de cosmética.
Estes obradoiros proporcionan ás mulleres que están a loitar contra o cancro unha maior confianza para facer fronte á enfermidade cunha recuperación do ánimo e un descenso dos niveis de ansiedade.