As asociacións de pais de Caldas únense para reclamar máis seguridade na contorna dos colexios
Por Redacción
Todas as asociacións de nais e pais de alumnos do Concello de Caldas uníronse para reclamar ás administracións melloras na seguridade nos accesos aos distintos centros educativos do municipio. O ano pasado xa lle trasladaron a súa preocupación pola inseguridade e a súa petición de medidas ao goberno local e agora lévano ante a deputación provincial.
As asociacións presentaron por rexistro un escrito dirixido ao deputado de Mobilidade da Deputación, Uxío Benítez, reclamando que se aplique en Caldas o Plan Móvete que se puxo en marcha noutros concellos e adxuntándolle unha serie de peticións concretas, así como unha copia da solicitude presentada un ano atrás ao Concello de Caldas.
En relación coa petición previa, desde as asociacións de pais indican que o goberno local rexeitou levar o asunto ao pleno da corporación alegando que este tipo de medidas non son competencia municipal. Agora diríxense a unha administración que si ten competencias na materia.
En canto ás medidas concretas solicitadas, son propostas para garantir a seguridade no acceso aos centros educativos "antes de que produzan irremediables accidentes". Entre outras cuestións, solicitan que os pasos de peóns pasen a ser pasos elevados con 'lombos' de forma urxente. A medida afectaría aos pasos dos colexios Alfonso VII, Encarnación e San Fermín e aos situados na Carballeira e no Xardín.
Ademais, reclaman que se revisen os anchos mínimos de beirarrúa e ampliala eliminando a beiravía se fose preciso para mellorar a seguridade na zona e que se deseñe un circuito urbano de seguridade.
As asociacións de pais manteñen que se están detectando puntos de moito risco nos pasos de peóns, sobre todo nas zonas dos colexios, chegando en moitos casos a situacións de moitísimo perigo en choques por alcance nas horas punta de tráfico, coincidindo coas entradas e saídas dos centros educativos. Este mesmo venres refiren que houbo un atropelo á hora da entrada escolar no colexio Alfonso VII.