As terrazas de Bueu poderán estar abertas ata as dúas da madrugada
Por Redacción
Dende este xoves 15 de xuño e ata o 31 de setembro, as terrazas hostaleiras do municipio de Bueu terán un horario de peche ás 2.00 horas durante os días laborais e ata as 2.30 horas en sábados, e vésperas de festivos.
Así o establece o Bando da Alcaldía que regula as terrazas neste verán e que se pode ver na páxina web do Concello de Bueu e no taboleiro de anuncios.
Dito bando estipula que o incumprimento do horario de funcionamento da instalación por menos dunha hora está tipificada, segundo a ordenanza municipal, como unha infracción leve e a reiteración do incumprimento como grave.
Así, as infraccións leves levarán consigo o pago dunha multa de 750 euros e a imposibilidade de obter autorización para a instalación por un período de ata seis meses, as graves darán lugar a unha multa de ata 1.500 euros e a imposibilidade de autorización entre seis meses e un ano e as moi graves levarán á desmontaxe inmediata da instalación, o pago dunha multa de ata 3.000 euros e a revogación da licenza concedida para a instalación.