Bueu e Vilagarcía serán claves na candidatura das Illas Atlánticas a Patrimonio da Humanidade
Por Redacción
A Xunta busca que a súa proposta para solicitar a inclusión do Parque Nacional das Illas Atlánticas na lista de Patrimonio da Humanidade da UNESCO sexa "integradora e de consenso". De aí que o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, decidira manter este mércores unha xuntanza cos alcaldes de Bueu e Vilagarcía para que se sumen a esta iniciativa.
Nesta xornada de traballo, o conselleiro realizou, canda o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, unha visita guiada á illa de Cortegada onde, ademais, o goberno galego vai acometer unha obra de rehabilitación na capela para estabilizar os muros e recuperar as pedras da bóveda. A actuación, na que se investirán máis de 20.000 euros, está a punto de ser adxudicada.
Posteriormente, mantivo unha xuntanza de traballo co alcalde de Bueu, Félix Juncal, na que o titular de Cultura e o director do parque expuxeron a importancia e coherencia da candidatura e a importancia que ten o arquipélago de Ons nesta estratexia.
O conselleiro valora como "moi positivo" intercambiar puntos de vista tendo en conta que neste caso "defender o mellor para cada concello é tamén defender o mellor para Galicia".
A Xunta de Galicia, recoñecendo o valor singular das illas Cíes, quere apostar polo conxunto do Parque Nacional como un todo. Precisamente, sinalou Román Rodríguez, unha das grandes fortalezas desta candidatura son os traballos feitos e a existencia dunha unidade de xestión que xa actúa na salvagarda dos valores deste ben natural.
O goberno galego, en conversas co Ministerio de Medio Ambiente, considera necesario estudar detidamente as posibles modificacións a introducir e as posibles achegas dos catro concellos con titularidade administrativa sobre os arquipélagos incluídos nas Illas Atlánticas.
Así, a Xunta defende que se están a realizar todos os contactos precisos para expor e debater os aspectos concretos da candidatura e aclara que, en calquera caso, disponse de tempo suficiente para dar todos os pasos precisos, "sen precipitación nin xerar malos entendidos que poderían prexudicar á candidatura e afectar ao obxectivo común".
Relacionadas:
-
Bueu apoia a declaración de todas as Illas Atlánticas como Patrimonio da Humanidade
Por Redacción |
-
Propoñen incluír as Illas Atlánticas na listaxe de zonas húmidas de importancia internacional Ramsar
Por Redacción |
-
A Xunta inicia os tramites da candidatura do Parque Nacional das Illas Atlánticas a Patrimonio da Humanidade
Por Oskar Viéitez |