Reforzan a entrega de alimentos aos nenos de familias sen recursos durante o peche dos comedores escolares
Por Natalia Puga
Coa chegada do verán e o correspondente peche dos comedores escolares, o Concello de Pontevedra busca garantir igualmente que os nenos de familias con escasos recursos que necesitan este servizo para ter unha correcta alimentación durante o curso escolar estean ben atendidos. Faio a través dun novo convenio que asinan coa Fundación Amigos de Galicia para chegar ás familias nesta situación alimentos frescos durante a época estival.
Segundo explicou o portavoz do goberno local, Raimundo González, a Xunta de Goberno aprobou asinar un novo convenio de colaboración con Amigos de Galicia que supón renovar o acordo actual e aumentar a dotación económica do mesmo.
O convenio mantén os mesmos fins, o desenvolvemento dun plan de cobertura de necesidades básicas das familias carentes de recursos económicos do Concello, pero a fundación pasa de recibir 10.000 euros a 15.000.
Como resultado deste convenio, garántense alimentos ás familias sen recursos de Pontevedra, todo en colaboración cos servizos sociais municipais. Ademais, nesta época estival, as familias nesta situación con nenos menores recibirán unha entrega semanal de produtos frescos e tamén material escolar.
Raimundo González explicou que outras administracións optan por abrir os comedores escolares tamén durante o verán para garantir a estes menores unha correcta alimentación, pero o Concello de Pontevedra aposta por levar os alimentos ao domicilio para que non se cren guetos nos centros escolares de nenos sen recursos e que teñan o mesmo verán que o resto de menores da súa idade coa alimentación garantida sen necesidade de desprazarse.
LOMBOS EN SALCEDO
A Xunta de Goberno local adxudicou tamén este luns á empresa E.C. Casas o proxecto de mellora da seguridade viaria na parroquia de Salcedo, que inclúe a construción de 43 novos 'lombos' en distintos puntos.
A actuación terá un prazo de execución de catro meses e un prezo de 122.805 euros. A empresa adxudicataria oferta, como mellora sobre o proxecto do Concello, mellorar a sinalización existente.
Relacionadas:
-
Amigos de Galicia facilita a inserción laboral de seis pontevedreses
Por Redacción |
-
A solidariedade da Fundación Amigos de Galicia con Pontevedra, en cifras
Por Redacción |
-
A Fundación Amigos de Galicia comeza a distribuir alimentos entre organizacións de axuda social
Por Redacción |
-
108 menores de familias pontevedresas sen recursos benefícianse do programa de alimentos de verán
Por Redacción |