Medio Rural redactará o proxecto da vía intramunicipal Caroi-Cerdedo
Por Redacción
O presidente e vicepresidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela e José Balseiros, mantiveron un encontro coa conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez para avanzar sobre varios asuntos pendentes.
Desta forma, os rexedores do municipio obtiveron compromisos para dar os primeiros pasos na mellora do viario de Caroi-Cerdedo con levantamento topográfico e a redacción do proxecto de actuación. A intención da consellería pasa por envialo ao Concello ao longo deste verán para que o goberno local obteña a cesión gratuíta dos terreos afectados.
No encontro tamén se acordou a execución inminente do pasteiro de Deán, que contará cun orzamento de 135.000 euros e afectaría a 50 hectáreas de terreo. Desde o Concello entenden que os propietarios de 25 hectáreas xa están ao tanto desta actuación agraria. Está previsto convocar a veciños, comuneiros e gandeiros para que se somen a esta iniciativa.
As obras centraranse en rozar o terreo, abonalo e cerrarolo perimetralmente coa construción de pasos canadenses e instalación de comederos e bebedoiros.
A conselleira tamén se comprometeu a entregar unha motobomba para a loita contra os incendios forestais, de forma que se reforce a brigada para partir do 1 de xullo. Ángeles Vázquez recoñeceu a "especial problemática" deste territorio polos incendios e considerou adecuado dotar de máis medios ao Concello para levar a cabo labores de prevención a través da limpeza de leiras.