O Goberno premia a Magín Froiz coa Medalla do Traballo
Por Oskar Viéitez
O Consello de Ministros celebrado este venres distinguiu coa Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo ao presidente fundador do Grupo Froiz, Magín Alfredo Froiz.
O Goberno xustificou nunha nota de prensa a concesión deste galardón sinalando que a súa finalidade é "premiar e destacar o mérito dunha conduta socialmente útil e exemplar no desempeño dos deberes que impón o exercicio de calquera traballo, profesión ou servizo".
Magín Alfredo Froiz Plans, naceu en Barbastro (Huesca) en 1943, e con tan só 24 anos, en 1968, fíxose cargo do traspaso dun pequeno supermercado da rúa Cobián Roffignac, na cidade de Pontevedra. Durante unha traxectoria de case cincuenta anos de andaina empresarial, o Grupo Froiz creou máis de 5.000 postos de traballo. Na actualidade, conta con 310 puntos de venda en España e Portugal e en 2016 facturou 605 millóns de euros (sen iva).
A distinción foi concedida a proposta do Club de Leones de Pontevedra.
Tamén foron galardoadas xunto con Alfredo Magín outras 14 persoas, entre elas o ex presidente da Xunta, Gerardo Fernández Albor, a piques de cumprir 100 anos e deportistas como Pau Gasol ou a nadadora paralímpica Teresa Perales, e xornalistas como María Teresa Campos, Tico Medina ou a recentemente falecida Paloma Gómez Borrero.
Tamén foron distinguidos con esta medalla a Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE), no seu 40 aniversario; a bailarina e coreógrafa Aída Gómez; o exministro socialista Javier Moscoso; o expresidente de Ibercaja Amado Franco; o avogado e expresidente do CES de Córdoba Miguel Cuenca Valdivia; o saxofonista Pedro Iturralde; o dirixente histórico de CC.OO. Joaquín Navarro e Alberto Cándido López Duque, hostaleiro segoviano.