Localizan un veciño do Grove desaparecido durante cinco días
Por Redacción
O veciño do Grove Marcos Da Silva Montaos, desaparecido desde o pasado 2 de xuño, apareceu san e salvo sobre as sete da tarde deste mércores 7, tras cinco días de ausencia. Regresou por si mesmo logo de pasar varios días en Vigo.
A familia presentou o martes denuncia ante a Garda Civil e estableceuse un amplo dispositivo de procura no que tamén estivo implicada a Policía Local do Grove e a plataforma SOS Desaparecidos, que distribuíu unha foto súa a través das redes sociais.
O home, de 40 anos e veciño do barrio de Virxe das Mareas, presenta certo grao de discapacidade, non ten teléfono móbil e adoita moverse polo Grove en bicicleta, pero esta apareceu no domicilio e non se sabía nada do seu paradoiro, por iso é polo que a súa familia estivese preocupada.
As últimas persoas que o viron o pasado venres foron uns amigos cos que estivo a conversar nas inmediacións da súa casa. Tras ese encontro non acudiu á vivenda que compartía cun dos seus irmáns. Era a primeira vez que desaparecía e, finalmente, houbo un final feliz ao aparecer san e salvo.